Evacuado un menor en Valdoviño tras ser alcanzado por un raio na Praia de Villarrube


O menor, de 9 anos, foi reanimado polos sanitarios e trasladado, a bordo dunha ambulancia, ao Hospital Arquitecto Marcide. Varias persoas que se atopaban na Praia de Villarrube, no concello coruñés de Valdoviño, chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. Na comunicación cos xestores de emerxencias afirmaban que un cativo fora alcanzado por un raio e estaba inconsciente.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, decontado, informaron do desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no lugar dos feitos.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron ao 112 que, despois das tarefas de reanimación, o cativo foi trasladado, estable e con pulso, ao centro médico. Segundo a información facilitada ao 112 polos equipos de intervención que acudiron ao punto, o raio puido haber alcanzado ao cativo cando se atopaba no areal.

Cómpre sinalar que o equipo médico tamén contou co respaldo e apoio dos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Igualmente, desde o 112 pasouse aviso aos membros de Protección Civil de Valdoviño, por se fose necesaria a súa colaboración.