Evacúan en helicóptero a un pescador que sufriu unha indisposición preto das Illas Sisargas


O tripulante dunha embarcación pesqueira con base en Ribeira necesitou a axuda dos equipos de salvamento, na mañá deste xoves, tras sufrir unha indisposición. Os feitos tiveron lugar na zona norte das Illas Sisargas, en Malpica de Bergantiños.

Os efectivos de Gardacostas de Galicia contactaron co 112 Galicia para informar da mobilización do helicóptero de Salvamento Marítimo para a evacuación dun pescador indisposto.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o tripulante, de mediana idade, sería trasladado ata o Aeroporto da Coruña e necesitaría atención sanitaria urxente.

Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo a situación en coñecemento do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co fin de realizar o traslado ata o centro hospitalario de referencia, na maior brevidade posible.