Dous deles arderon no incendio, mentres que os restantes quedaron afectados polo lume ou polos cascallos que se desprenderon. A rápida actuación dos Bombeiros impediu que o lume se espallara a unha decena de vehículos máis que tamén estaban estacionados no lugar. Os veciños, que foron evacuados durante a intervención, resultaron ilesos e xa puideron retornar aos seus domicilios.
Varios dos particulares que se atopaban no interior do edificio chamaron ao 112 Galicia, ás 5:20 horas deste xoves. Nas conversas, informaban de que saía moito fume do garaxe dun edificio situado na rúa Obispo Romero Lema, en Baio, no que había uns quince vehículos aparcados. Os servizos de emerxencias confirmarían posteriormente que eran vinte e oito (vinte e sete coches e unha moto).
De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santa Comba e de Cee, dos axentes da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas.
Unha vez chegaron ao punto, os efectivos dos servizos de extinción de Santa Comba e Cee procederon a controlar e extinguir as lapas, tralo que informaron ao 112 de que arderon dous turismos por completo. Outros dous víronse afectados, un polo lume e o outro pola caída de cascallos. Os vehículos restantes, un total de vinte e sete, non se viron afectados.
Unha vez o edificio estivo ventilado por completo, os veciños puideron retornar ás súas vivendas. Os Bombeiros de Santa Comba encargáronse das tarefas de refrixeración. Investíganse as causas do sinistro, que poderían estar relacionadas cun cortocircuito na instalación eléctrica dun dos turismos.