Evencio Ferrero: «A Praza Xela Arias vén para engrandecer o nome de Carballo»

Praza Xela Arias en Carballo_Concello

  • Este domingo celebrouse o acto de inauguración, ao que acudiron o fillo da escritora e membros da corporación municipal

Xela Arias xa é parte de Carballo. Este domingo celebrouse o acto de inauguración da praza que leva o seu nome que, como sinalou o alcalde Evencio Ferrero, “vén para engrandecer o nome do noso concello”. Ante o mural pintado pola artista Rakele Cavallo reuníronse arredor de cincuenta persoas entre as que se encontraban o fillo de Xela Arias, Darío Gil; a escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, que recitou unha escolma de versos da homenaxeada; e membros da corporación municipal como a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez.

A Praza Xela Arias está situada na beira do río Anllóns, xusto fronte a rúa Manuel María. “Para nós é un orgullo, como veciños de Carballo, como cidadáns de Bergantiños, da Costa da Morte e deste país galego, que a continuación da ponte do río sexa a rúa Castelao, ou que preto de aquí estea a rúa Alexandre Bóveda. E tamén temos unha rúa Carvalho Calero, a quen as circunstancias lle furtaron todo o esplendor que merecía ter a persoa homenaxeada o ano pasado”, manifestou o alcalde, quen ademais expresou a súa gratitude á veciñanza “por ter a sensibilidade de aceptar e apoiar esta iniciativa do Concello”.

Esa gratitude expresouna tamén a concelleira de Normalización Lingüística, quen na súa intervención destacou que Xela Arias é a quinta muller á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, unha data para “seguir reivindicando a tantas e tantas mulleres que forman parte da historia agochada de Galicia”.

O fillo da escritora, acompañado polo seu pai, foi o encargado de descubrir a placa que identifica a nova Praza Xela Arias, que está integrada no mural co poema “25. Flor de abril”, publicado pola homenaxeada en 1999 con motivo do 25º aniversario do 25 de abril.

Gil manifestou que “iniciativas deste tipo son as que achegan a figura de miña nai a todo o mundo e poden servir como primeiro paso para coñecela como escritora e despois para afondar na súa obra”.

Inauguración Praza Xela Arias en Carballo_Concello