- O alcalde reuniuse este venres en Santiago con responsables da Axencia Galega de Infraestruturas e de Augas de Galicia
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado por técnicos municipais, mantivo este venres reunións na Axencia Galega de Infraestruturas e en Augas de Galicia para xestionar a axilización das autorizacións pertinentes para o proxecto Cicl-Ando Carballo, debido a que nos case 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas que o concello pretende construír hai treitos que afectan a estradas de titularidade autonómica ou a canles fluviais.
O Concello de Carballo vén de conseguir 1,7 millóns de euros de fondos europeos para a execución dun proxecto que mellorará a mobilidade cunha funcionalidade de lecer, turística e laboral, ademais de reducir a pegada de carbono grazas a unha redución do consumo enerxético do 15,52%, e de fomentar a mobilidade sustentable entre a veciñanza.
O investimento total acadará os 2.141.618,86 euros e o concello de Carballo, que conseguiu o 80% de subvención, quere axilizar todo o posible a posta en marcha dun proxecto tan singular.
Ferrero tamén aproveitou as reunións para interesarse polo estado do proxecto de abastecemento a Baldaio, que Augas de Galicia se comprometeu a elaborar noutra xuntanza celebrada o verán pasado.