Evencio Ferrero cumpriu 65 anos

Evencio soprou as velas do seu 65 aniversario, sobre un biscoito.

Evencio Ferrero Rodríguez, mestre e político carballés, acumula ás súas costas máis de 40 anos de vida política, onde actualmente é alcalde da localidade dende o ano 2003. Este domingo estivo ao pé do canón cos seus compañeiros e compañeiras de corporación, apoiando aos candidatos Xoán Manoel Sande e Daniel Pérez, na feira de Carballo por tres razóns moi importantes, pedindo o voto para o partido da súa vida, o BNG, conmemorando e visibilizando o día da liberdade e a diversidade sexual, e celebrando o seu 65 cumpreanos.

Taxectoria

Evencio formou parte da corporación municipal do concello de Carballo dende as eleccións municipais de 1979. Foi fundador da Asociación de Veciños de Carballo, da Asociación Cultural Lumieira e da Asociación Deportiva Xiria, ademais é socio da Asociación Antidroga Vieiro dende a súa fundación.

Ferrero formou parte do Consello Nacional do BNG a finais da década dos 80 e durante toda a década seguinte, e da Comisión Permanente do BNG, sendo responsable institucional da política municipal dende 1990 ata 1996. É membro do Consello Federal da Federación Galega de Municipios e Provincias, membro do consello de administración de Xestur Coruña, e foi conselleiro xeral da entidade Caixa Galicia. Forma parte do Consello Escolar de Galiza e do Consello Galego de Inmigración, representando os concellos galegos e da Comisión Negociadora para o Pacto Local na área de Sanidade. É presidente da Fundación Comarcal de Bergantiños, da que forman parte os concellos da comarca.

No 2003 Evencio Ferrero accedeu á alcaldía de Carballo co apoio do Centro Democrático Independiente (actualmente Terra Galega) e o PSdeG poñendo fin a tres lexislaturas de mandato de Manuel Varela Rey (PPdeG). Nas eleccións municipais do 2007 conseguiu manter a alcaldía experimentando un crecemento no número de votos e apoiado polo PSdeG. Nos comicios municipais celebrados o 22 de maio do 2011 quedou a un concelleiro de acadar a maioría absoluta, véndose obrigado a gobernar en minoría ata 2015 logo de que o PSdeG retirase o seu apoio. En 2015 acadou a súa primeira maioría.

Nas eleccións de 2019 acadou de novo a alcaldía de Carballo por unha consolidada maioría absuluta que o sitúa á fronte do seu quinto mandato consecutivo. Parabéns pola súa traxectoria, polos seus 65 anos de vida e que cumpra moitos máis.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha