Evento solidario en Brión a favor dos colectivos máis vulnerables

2 minutes read

• Os actos enmárcanse dentro das actividades conmemorativas do 175 aniversario da fundación da Garda Civil e do Plan Director

A Comandancia da Garda Civil na Coruña, en colaboración co Concello de Brión, realizará unha campaña de recollida de alimentos e material escolar que serán entregados a Cáritas para distribuír entre os colectivos máis vulnerables. As actividades terán lugar no pavillón polideportivo de Brión o próximo día 8 de maio.

Prevese que asistan o Delegado e a Subdelegada do Goberno en Galicia e preto de 2000 escolares, que se atopan dentro do Plan Director da Compañía da Garda Civil de Santiago.

O evento consistirá nunha mostra das distintas funcións que desenvolve a Garda Civil, a cal acudirán o Equipo de rescate e intervención en montaña de Ourense (EREIM), 3 cans do Equipo Cinolóxico encargados da procura de persoas desaparecidas, detección de estupefacientes ou achados de explosivos, helicóptero da Garda Civil, Grupo de Actividades Subacuáticas (GEAS), o Grupo de Reserva e Seguridade con equipo de intervención bacteriolóxica, radiolóxica ou química (GRS) de Pontevedra, Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia, Policía Xudicial, Seguridade Cidadá, Servizo de Protección á Natureza (SEPRONA) e o Grupo de Desactivación de Explosivos (GEDEX) cun robot encargado da desactivación de artefactos.

A visita dividirase en dúas quendas: de 09:30 a 13:30 para os centros escolares e de 16:00 a 18:00 aberta ao público, tendo como horario das actividades máis destacadas:

10:30 Simulacro de rescate de feridos en montaña (Equipo Cinolóxico e EREIM)
11:00 Aterraxe de helicóptero en terreos anexos ao CEIP Pedrouzos
11:30 Exhibición de actividades de cans de detección de drogas e explosivos
12:10 Recepción de medios de comunicación
12:30 Simulacro de rescate de feridos en montaña (Equipo Cinolóxico e EREIM)
13:00 Exhibición de actividades de cans de detección de drogas e explosivos
16:30 Simulacro de rescate de feridos en montaña (Equipo Cinolóxico e EREIM)
17:00 Despegamento de helicóptero