Evolución do polígono de Cee coa firma de tres novas empresas con SEA

1 minutes read

A xerente da entidade estatal “Suelo Empresarial del Atlántico”, SEA, dependente do Ministerio de Transportes, Beatriz Sestayo, confirmou a boa evolución do polígono de Cee –un dos 13 que xestiona a sociedade en Galicia- tras asinar a venda efectiva de tres novas parcelas, que suman 7.503 metros cadrados.

Desta forma, confírmase a futura instalación no polígono de Cee das empresas F.M. Motor, que adquiriu unha parcela de 3.141 metros cadrados; de Radón Control Galicia S.L., con outra de 2.196 e unha terceira por parte de Tanatorios Pombo, cunha superficie de 2.166 metros cadrados. O importe total do investimento en chan por parte das tres empresas ascende a 491.192,36 euros.

No que vai de ano, conseguiuse que a ocupación do chan vendido roce o 50%, o dobre que fai tres anos.

Beatriz Sestayo lembrou que, para favorecer a instalación de novas empresas, no polígono de Cee tamén se implantou, do mesmo xeito que no de Vimianzo, a fórmula de chan en Dereito de Superficie, que está a dar excelentes resultados noutras áreas, como a de Vilanova de Arousa, tamén xestionada por SEA.

Neste caso, trátase dun sistema similar ao alugueiro con opción a compra, o que supón que as compañías poidan recibir o chan como adxudicatarias pero sen ter que compralo, abonando cantidades moi reducidas ao mes, de menos de cen euros. No caso de que estean interesadas en adquirir o chan, poderían facelo nos seguintes anos, con descontos da cantidade ingresada previamente.