O vehículo quedou envorcado nunha cuneta de profundidade considerable, que ademais estaba cuberta por silveiras. Un particular púxose en contacto co 112 Galicia ás 11:30 horas deste xoves para informar sobre o accidente, que se produciu no quilómetro 4 da OU-1102, na parroquia de Morgade. A condutora e única implicada era incapaz de saír ao exterior polos seus propios medios e atopábase ferida, como ela mesma transmitiu nunha conversa telefónica desde o interior do seu vehículo ao 112 Galicia.
Inmediatamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xinzo, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local do municipio.
Os servizos sanitarios mobilizaron tanto o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no lugar dos feitos, como unha ambulancia. Pola súa banda, os Bombeiros fixeron uso do seu material de excarceración para liberar á ferida, que foi atendida polo persoal médico.