O sinistro ocorreu ás doce menos cuarto da mañá deste luns, no lugar de Vilarmaior, e foi unha testemuña do accidente quen alertou aos operadores do 112 Galicia. Durante a comunicación, a persoa afirmaba que o turismo estaba envorcado na vía e que o condutor non podía saír do seu interior.
Unha vez recollidos os datos, desde o CIAE-112 Galicia informouse aos Bombeiros de Ordes, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e á Policía Local. Ademais, tamén se lle notificou o sinistro aos membros de Protección Civil e aos servizos sanitarios, que confirmaron a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para o lugar.
Ao final, os Bombeiros da localidade confirmaron que tiveron que excarcerar á persoa do interior do turismo para que fose atendida e trasladada en ambulancia ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.