Excarcerado un condutor en Mesía ao quedar atrapado tras chocar contra un camión


Un condutor foi liberado tras quedar atrapado no interior do vehículo que conducía despois de bater contra un camión con remolque. Os feitos ocorrían na tarde deste luns cando os dous vehículos circulaban pola N-634, no punto quilométrico 682, sentido Oviedo, na parroquia de San Mamede de Lanzá, en Mesía.

O 112 Galicia nada mais recibir o aviso de varios particulares que presenciaron o accidente, axiña, puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, que mobilizaron ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Así mesmo, informou do suceso aos Bombeiros de Betanzos e Ordes, aos efectivos do GES de Curtis e aos axentes da Garda Civil.

Tras ser liberado, a aeronave do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou ao ferido ata o centro hospitalario de referencia.