Excarcerado un home despois de bater contra unha árbore co seu coche, en Friol

Ambulancia medicalizada

Un home resultou ferido esta mañá ao saírse da vía o coche no que circulaba e chocar contra unha árbore na LU-232, concretamente no punto quilométrico 13, á altura de Friol. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os servizos de emerxencia tiveron que empregar o material de excarceración para liberar ao varón, que rematou atrapado no interior do turismo accidentado.

No suceso interviron o 061-Urxencias Sanitarias, os Bombeiros de Vilalba e os de Lugo. Ademais, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Friol e do servizo de mantemento da estrada.

Colisión entre un camión e un turismo en Ferrol
Por outra banda, unha muller precisou asistencia médica despois dunha colisión entre un camión e un coche. Ocorreu na Avenida de Esteiro, á altura do número 121, ao redor das 10:10 horas. A ferida, que viaxaba no turismo accidentado, atopábase accesible despois do sinistro.