Os servizos sanitarios trasladaron finalmente a dous feridos no choque, producido na DP-0701, á altura da parroquia compostelá de San Xoán de Fecha. Un particular poñía o accidente en coñecemento do 112 Galicia pouco antes das 15 horas deste xoves, e informaba de que polo menos un dos implicados era incapaz de abandonar o coche polos seus propios medios.
Dende o CIAE 112 informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicou a mobilización do seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base no hospital de Santiago. Pola súa parte, desprazáronse tamén ata o punto os Bombeiros da localidade e unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.
Ademais, unha das persoas accidentadas púxose en contacto co 112 a través do sistema de chamada de emerxencia do seu vehículo. Explicou que puidera saír do coche, pero había unha persoa que seguía no interior do outro turismo, polo que os Bombeiros tiveron que intervir para retirala. Finalmente, o persoal sanitario atendeu aos feridos no lugar e procedeu a trasladalos ao centro hospitalario de referencia.
Ademais dos medios mobilizados para este operativo, deuse aviso á Policía Local e a Protección Civil de Santiago, que non chegaron a intervir.