Excelente participación nas campañas de doazón de sangue durante un ano marcado pola pandemia

1 minutes read

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) presentou os datos de actividade da área de hemodoazón, poñendo de manifesto o excelente comportamento da cidadanía galega a prol da doazón de sangue, nun ano marcado pola pandemia da covid. A directora de ADOS, Marisa López García, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, salientaron o agradecemento sincero a todas e cada unha das persoas que posibilitaron que, no pasado 2020, recolleranse 104.637 doazóns, cifra que permitiu ofrecer unha resposta axeitada as necesidades hemoterápicas dos nosos hospitais.

Nesta presentación de datos, puxeron de manifesto que, a implementación de protocolos de seguridade e de reforzo informativo, posibilitaron as doazóns de sangue durante o pasado ano, especialmente durante os meses de confinamento, permitindo manter o abastecemento de sangue aos centros hospitalarios.

Ambos tiveron verbas de agradecemento, tanto para os doadores e doadoras de sangue, como para todos os profesionais da Axencia de Doazón de Sangue que, neses momentos iniciais de incertidume, amosaron o seu compromiso co noso sistema público de saúde.