Éxito da XVII Festa do Roscón de Lañas

1 minutes read

Este domingo celebrouse na parroquia de Lañas, no Concello de Arteixo, a XVII Festa do Roscón, unha festa gastronómica de exaltación deste produto tan típico da provincia da Coruña.
Tras dous anos de cancelacións (2020 e 2021) por mor da pandemia, a AVRCD Fontesvellas, en colaboración co Concello de Arteixo, voltaba organizar esta popular celebración.
Dende a asociación non sabían como ía responder a xente, logo de dous anos sen festa. Non obstante, o éxito foi total. Dende primeira hora da mañá ducias de persoas achegáronse a catar os produtos expostos para logo mercar a súa rosca ou larpeira (que este ano eran de catro panaderías diferentes: Agustín Fernández, Mari, Carracedo e Rozas). Pouco a pouco a cousa foise animando e en poucas horas xa comezaban a escasear as roscas. Xa ao mediodía non quedaba ningunha.
Logo da Sesión Vermouth, amenizada polo Dúo Matices, tocou o momento do xantar popular. As entradas, unhas 250, levaban varios días esgotadas.
Destacan dende a asociación o éxito desta edición, que confirma que a xente tén moitas ganas de voltar a desfrutar das festas populares.
As festas en Lañas non acaban por este ano. Xa no mes de xullo chegarán as Festas de Santa Mariña, tres días de festa con algunhas das mellores formacións da verbena galega: Los Satélites, Tania Veiras, Calú, D’Vicio ou Matices xa están confirmadas. Serán o 15, 16 e 17 de Xullo. Máis tarde, entrado xa o outono, tocaralle a quenda á II Esfolla Popular.