- O rexedor presentou a campaña turística en FITUR e apoiouse en varios ‘embaixadores’ moi coñecidos no país
Muxía segue causando ‘sensasións’ coa súa campaña de promoción turística presentada a semana pasada en FITUR. Segundo informan desde o goberno local, o código QR co que o usuario pode escoitar sons característicos da localidade como as particularidades da súa fala, o das palilleiras ou o berro de ‘Viva a Virxe da Barca’ por parte do veciño José María Barrientos, xa acumula máis de 8.000 descargas.
‘Muxía, un municipio de sensasións’ utiliza a tecnoloxía para mostrar ao mundo a tradición dun pobo mariñeiro que continuamente busca novas formas para posicionarse como un destino indispensable na Costa da Morte. E para fomentar isto, o rexedor, Iago Toba, aproveitou a súa presencia en FITUR para promocionar a campaña a través de rostros moi coñecidos no panorama político ou televisivo como o alcalde vigués Abel Caballero, o humorista galego Xosé Antonio Touriñán, a presentadora Paula Vázquez ou a propia ministra de Turismo, Reyes Maroto.
Por outra banda, o alcalde muxián tamén tivo a ocasión de estender a rede de contactos con entidades e asociacións turísticas ademais de asistir á reunión de resultados de Paradores, que certificou ao de Muxía como o mellor valorado de todo o país.