- A doutora Estíbaliz Díaz Balboa foi a encargada de visibilizar e concienciar sobre esta enfermidade
A doutora Estíbaliz Díaz Balboa, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario, estivo este sábado no centro comarcal de Buño (Malpica) dentro dos actos programados pola xunta
local da Asociación Española Contra o Cancro para conmemorar o ‘Día Mundial Contra o Cancro’, celebrado o 4 de febreiro.
Ante un aforo completo, Balboa ofreceu unha charla para seguir visibilizando e concienciando sobre esta enfermidade que, segundo o último informe da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), en España é unha das principais causas de morbi-mortalidade. De feito, o número de cánceres diagnosticados no noso país este ano estímase que alcanzará os 280.100 casos segundo os cálculos de REDECAN, o que supón un lixeiro incremento con respecto a anos anteriores.
Nada en Ponferrada, pero moi ligada a Galicia, realizou numerosos estudos sobre o cancro de mama. Na actualidade investiga o nivel de eficacia dun programa de rehabilitación cardio.ç-oncolóxica na prevención de complicacións cardiovasculares e funcionais en mulleres con cancro que reciben quimioterapia.
Ao acto tamén acudiron a presidenta da xunta local da AECC, Teresa Blanco; o representante da xunta da Coruña, Mikel Lois Suárez; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Olaría, Marisol Blanco, e
outros membros da corporación municipal. Presentou José Antonio Viña. Ao remate entregáronse diversas pezas de barro ós participantes.