A cociña da Costa da Morte pechou o programa de showcookings no stand da Deputación da Coruña no Fórum Gastronómic de Barcelona da man da cociñeira Bea Hermida e do cociñeiro Óscar Ures do restaurante ‘A Cunca’ de Buño. Ambos participaban no Fórum Gastonómic por vez primeira, achegaron ao público unha receita de ceviche de corvina e gambón, e unha fideuá con berberechos de Canduas e polbo de Malpica.
Nesta edición incorporouse a presenza de produtores e produtoras, xerentes e/ou CEOs de varias marcas de produtos agroalimentarios procedentes dos xeodestinos da provincia. Cabe destacar a empanada carballesa ‘Costumes gastronómicos de Galicia’, representada polo seu director comercial, Antonio Claro, e polo xerente e panadeiro, Francisco Fraga, licores Bello Blanco, a cargo do seu propietario Borja Bello Blanco, ou tamén as legumes de ‘A Despensa D’Lujo’, de Lucía Calvo e José Iglesias.
O viccepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, explicaba que «precisamente esta nova estratexia de promoción, baseada na sustentabilidade e na calidade de toda a cadea agroalimentaria, é o camiño para avanzar en novas oportunidades de negocio e fomentar a empregabilidade en sectores con base no medio rural e no territorio, e aquí estamos vendo como o traballo de empresarios que buscan a especialización do seu produto implica un valor engadido con moi boa acollida».