Éxito de implantación dunha empresa de formación de soldadores no polígono de Bértoa

Cabinas de traballo en Start Welding.

No mes de setembro implantouse no polígono de Carballo unha empresa de formación de soldadores, con ampla experiencia no exterior, pero nova na comarca. A aceptación por parte de persoas interesadas en formarse en soldadura foi tal, que xa teñen case todas as prazas cubertas. Start Welding, que é como se chama, está a formar xa en Carballo a alumnos chegados de todas as partes de Galicia, León, Valladolid ou Asturias, en grupos reducidos e a custos moi competitivos, aos que ademais de formación tamén lles ofrecen aloxamento.

Parte da clave do éxito está en dispoñer da maquinaria máis punteira do mercado para exercer a actividade, impartida por mestres cunha dilatada experiencia profesional e docente para a proxección das clases teóricas en aula e prácticas en taller. A empresa sitúase nunha ampla nave de 900 metros na que poder desenvolver as diferentes áreas de formación, con cabinas e equipos individuais para a aprendizaxe e todas as medidas de seguridade.

Ademais de todo isto, tamén se poderán alugar as instalacións para impartir calquera acción formativa, que se precise realizar, pensada tanto para particulares como para empresas, colectivos ou concellos. Entre os cursos máis demandados ofrecidos por Start Welding atópanse o curso eléctrodo revestido, o curso MIG- MAG – (fío), o curso homologación 6 G E 6 GR, o curso TIG en aceiro ao carbono e INOX, o curso INOX con espesor e o Curso Tubaxe de alta presión.

Trátase dunha profesión con moita saída laboral en Galicia e en España, pero ademais grazas aos convenios que posúen en Start Welding con grandes empresas e os cursos e certificados adecuados, poden facilitarlle aos seus alumnos o acceso directo ao mercado internacional.

Cabina individual de aprendizaxe en Start Welding.