Parte do traxecto da ruta do Camiño dos Faros, de Malpica a Punta Nariga, acolleu este sábado, á inversa, o I Trail Costa da Morte Os Nosos Faros. Os participantes, maiores de idade en categoría absoluta masculina e feminina, foron trasladados en autobús ás 09:00 horas, tras a recollida de dorsais na casa consistorial do Concello de Malpica de Bergantiños, ate o punto de saída no Faro Punta Nariga.
O Club Atletismo Marineda estivo a fronte desta proba que entra dentro da especialidade atlética do Trail-Running e que se desenvolveu baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Un percorrido de 18,2 quilómetros, de dificultade media alta, que transcorreu case íntegramente por sendeiro, sen incidentes e polos mellores paisaxes do litoral malpicá: dende o Faro Punta Nariga ata o Porto de Malpica, pasando polo Porto de Barizo, Praia de Barizo, Praia de Esteiro, Beo, Monte de Beo e Monte de San Adrián, para continuar pola senda ata a vila de Malpica, na que penetrou polo Paseo Marítimo peonil da Praia de Area Maior, subindo pola Rúa Praia para xirar a esquerda pola Rúa Emilio González López, chegando a meta ubicada na praza da casa do Concello de Malpica de Bergantiños.
O Trail estivo liderado por Francisco González Varela (máis coñecido como Quito Ponteceso), pertencente ao Clube Marathon Running Shop, quen realizou o trazado co dorsal número 30 nun tempo de 1:33:56, cun Ritmo de 5:11. Por detrás en segundo posto quedaba o dorsal número 26, Rubén Ortega Berzal, do C. D. E Todovertical V+, cun tempo de 1:41:37. A terceira posición foi para Marcos Pardo Fonticoba, cun 1:45:15.
En categoría feminina o mellor tempo foi para o dorsal número 1, utilizado por Belén Otero, que lograba cruzar a meta en 2:00:41. A segunda clasificada sería Alba González Castro, do Club Atletismo Salvaterra, que co dorsal número 3, necesitaba un tempo de 2:27:07.
Terminado o I Trail Costa da Morte, pasadas as 12:30 horas deste sábado, a satisfacción era numerosa, por participantes, colaboradores e autoridades, que coincidían en traballar para darlle continuidade a este evento en futuras edicións e consolidalo como unha das carreiras galegas máis importantes.
Acto seguido procedeuse á entrega de premios, na que estiveron presentes Juan Carlos Rodriguez, de Galicia Media, o alcalde da vila, Eduardo Parga, o 1º Teniente de Alcalde e concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo, o concelleiro de Obras Miguel Fernández, así como o presidente da Federación Galega de Atletismo, profesor e atleta olímpico, Isidoro Hornillos.
Unha gran paella mariñeira celebrada na Lonxa do Porto de Malpica puxo o colofón a unha xornada de aventura, deporte e diversión no quilómetro cero da Costa da Morte.
