Éxito do ‘Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha’

Cedida.

O servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se presta a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha desde o inicio do curso escolar 2022-2023 está a rexistrar un rotundo éxito tal e como reflicten as cifras de usuarios, que aumentan cada ano con respecto aos anteriores.

Nesta ocasión o total de beneficiarios ascende a 108, dos cales 80 son alumnos do CEIP Otero Pedrayo, 22 do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e outros 6, do CEIP de Caión. Precisamente este último centro é a gran novidade deste ano, xa que estrea o servizo ao ser a primeira vez que alcanzou o número mínimo de usuarios establecido.

O Concello aposta desde hai anos polo Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha co obxectivo de responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos fillos, posibilitando a atención dos menores por persoal cualificado nos propios colexios antes do inicio das clases, desde as 7:00 horas, realizando actividades lúdicas e educativas e tendo a opción de recibir un almorzo saudable.

Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, o servizo presenta as modalidades de mes completo, días soltos ou usuario ocasional. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo.