O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resalta o éxito do programa «Xuntos polo Nadal» que permite que este ano máis de 300 maiores que viven sós pasen estas festas acompañados a través de estadías 100% gratuítas nas residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón (Nigrán).
Xuntos polo Nadal é un programa dirixido aos maiores de 60 anos que non teñen con quen pasar estas datas. A Xunta habilita dúas quendas -do 22 ao 29 de decembro e do 31 de decembro ao 7 de xaneiro – nos que os usuarios poderán gozar dunha estancia con pensión completa gratuíta nestes centros e participar en diferentes actividades como baile, ximnasia, talleres de novas tecnoloxías ou excursións.
“O obxectivo principal é que ningún maior pase o Nadal só sen desexalo”, recalcou o presidente autonómico, quen fixo fincapé en que grazas “ás actividades e os momentos de alegría” nesta estadías, os maiores que participan no programa van ter “un bo recordo do Nadal”.