Éxito rotundo das xornadas gastronómicas da Confraría de Corcubión

2 minutes read

As Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión pecharon este domingo a súa segunda edición con cifras que confirman o crecemento e consolidación do evento: preto de 4.000 racións despachadas, practicamente o dobre que na súa primeira edición.
Desde a Confraría cualifican esta edición como un “éxito rotundo”, destacando a excelente acollida por parte do público e a mellora significativa na organización. Este ano apostouse por unha maior profesionalización do evento, cun importante investimento en material e mobiliario, que permitiu ofrecer unha experiencia máis cómoda e coidada para os asistentes.
Entre as elaboracións ofrecidas na carpa gastronómica -polbo á feira, polbo á brasa, croquetas de polbo e empanada de polbo-, a ración estrela foi sen dúbida o polbo á feira, a máis despachada durante os tres días. Con todo, algunhas propostas, como as croquetas, esgotáronse xa na noite do sábado, mentres que a empanada desapareceu rapidamente o mediodía do domingo.
O programa de actividades complementarias tamén atraeu a moito asistentes, con especial mención ao showcooking do domingo, a cargo de Iván Domínguez, responsable do restaurante NADO e membro do grupo NOVE. Domínguez non só cociñou, senón que interactuou activamente co público, compartindo elaboracións, consellos e técnicas como o fileteado de sardiñas en tres versións distintas.
Durante a súa mostra de cociña, Iván Domínguez preparou dúas propostas que conquistaron aos participantes: unha Caldeirada de longueirón con chimichurri mariño de algas e vexetais de costa e unha Sardiña afumada con mollo das súas espiñas e pemento de Herbón en escabeche.
Este showcooking, xusto antes da última sesión da exaltación gastronómica, pechou o programa de actividades das xornadas, que incluíu tamén mostras de cociña de Miguel Mosteiro e José Manuel Mallón, dous talleres infantís de ciencia mariña e unha charla con mariscadoras da confraría.
Ao longo da fin de semana, o ambiente en Corcubión foi inmellorable, con asistentes que eloxiaron tanto a calidade das racións como a organización do evento. Deste xeito, as xornadas da Confraría de Pescadores de Corcubión consolídanse como unha cita imprescindible no calendario gastronómico do verán galego.