Éxito rotundo do concurso “A Laracha de Tapas”


A quinta edición do concurso A Laracha de tapas, desenvolvida do venres ao domingo baixo a organización do Concello, volveu ser un rotundo éxito de participación. Durante esas tres xornadas doce locais ofreceron elaboracións orixinais e de calidade ao prezo de 1,50 euros, que foron altamente valoradas polo público consumidor.

O xurado profesional do concurso estivo composto polos bloggers gastronómicos José Antonio Domínguez (www.rutasyrestaurantes.com), María Pérez Patiño (www.desayunacoruña.com) e Juan Carlos Alonso (www.gastronomiaenverso.es), que acordaron por unanimidade outorgar o primeiro premio –dotado con 300 euros- á Fajita O Noso do establecemento O Noso Café e o segundo premio -250 euros- ao Bocado Celta que propuxo o Café Bar Guadalupe.

En canto ao xurado popular, tras contabilizarse os 1.120 votos válidos recibidos por parte de consumidores que probaran canda menos tres tapas diferentes –para votar requírese o selo de tres establecementos-, a tapa mellor valorada foi a tosta de gulas con gambas e champiñóns de Manhattan Skyline. Neste caso o premio é de 200 euros.

Todas as persoas que emitiron o seu voto participaron no sorteo dos cincuenta regalos doados polos establecementos participantes e as empresas colaboradoras, que poden consultarse na web e nas redes sociais municipais. O acto de entrega dos premios aos locais e tamén dos agasallos aos consumidores que votaron terá lugar o próximo venres (15 de marzo) ás 20:00 horas na Casa da Cultura da Laracha.

Desde o Concello da Laracha mostran a sua satisfacción por alcanzar a quinta edición de A Laracha de tapas e consolidar este concurso como unha excelente oportunidade para dar un impulso ao sector comercial local e crear un escaparate para que os locais de hostalería da capital municipal poidan darse a coñecer e mostrar ao público a calidade tanto das súas creacións como do servizo que ofertan durante todo o ano.