- A iniciativa comezou o 1 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller e realizouse de xeito diario e ininterrompido ata o 3 de abril
A campaña de recollida e difusión en liña de material fotográfico do século XX en Cabana de Bergantiños consolídase como unha das iniciativas culturais de máis éxito do Concello, tal e como indican desde o goberno local. Grazas a esta iniciativa, que comezou o pasado 1 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller e que rematou o 3 de abril, nas redes sociais municipais fóronse publicando de xeito ininterrompido fotografías cedidas pola veciñanza.
Polo de agora viron a luz máis de 100 imaxes, aínda que o departamento de Cultura está actualmente en proceso de recollida e catalogación de máis fotografías co obxectivo de reunilas nun libro e nunha exposición baixo o título ‘O caixón das lembranzas’.
O alcalde de Cabana, José Muíño, agradeceu a “colaboración de todas e todos os cabaneses que participaron na campaña nas redes sociais ó longo do último mes”.
Todas aquelas persoas interesadas en ceder as súas fotografías persoais poden atopar o formulario de participación en www.cabana.gal e nas redes sociais do Concello.