Expectación e emoción ante a chegada dos Reis Magos á Costa da Morte

3 minutes read

Acudir a unha Cabalgata de Reis é todo un espectáculo, mesmo nestes momentos, onde todos coñecemos ou temos a algún familiar e amigo afectado pola Covid-19. Din que a esperanza é o último que se perde, e estes días manda máis a ilusión e o sorriso dos máis pequenos ao poder ver en persoa ás Súas Maxestades de Oriente. Algúns concellos como A Laracha, Zas ou Cabana iniciaron o desfile de Reis este martes, pero durante a xornada de hoxe haberá moitas máis oportunidades de ver as carrozas reais.

VIMIANZO

Os Reis Magos de Oriente percorrerán as 14 parroquias vimiancesas comezando a ruta por Salto, no salón parroquial, ás 10:30 horas. Posteriormente visitarán Bamiro (11:00 horas), Tines (11:30 horas) Treos (12:00 horas), Serramo (12:30 horas), Baíñas (13:00 horas), Berdoias (16:00 horas), Carnés (16:30 horas), Cereixo (17:00 horas), Carantoña (17:30 horas), Calo (18:00 horas), Cambeda (18:30 horas) e Vimianzo (19:00 horas).

Os horarios son estimados e seguirase en todo momento o protocolo COVID-19. Non estará permitido que os Reis tiren caramelos e só baixarán das carrozas para a recepción real, que se trasladará á Casa da Cultura no caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas.

MUXÍA

Muxía, por outra banda, propón unha cabalgata inspirada no antigo Exipto e con máis de 150 quilómetros de percorrido. A carroza real pasará por todas as parroquias repartindo miles de doces e terá unha duración máis de 11 horas.

A saída está programada para ás dez da mañá desde Agreiras, e sobre ás 19:30 horas os Reis Magos farán unha parada no porto muxián onde se poderá gozar dun espectáculo pirotécnico e algunha sorpresa máis. Máis tarde, arredor das 20:15 horas, a Sala da Camposa acollerá a recepción real cun aforo limitado.

Cabalgata de Reis en Muxía

CAMARIÑAS

Ao igual que en anos anteriores, os Reis Magos chegarán a Camariñas por mar. A súa chegada ao porto está prevista para as 11:00 horas deste mércores, e serán recibidos pola alcaldesa, Sandra Ínsua. Posteriormente iniciarán un máxico percorrido polas diferentes parroquias da localidade saudando á veciñanza e repartindo caramelos.

A ruta comezará no porto de Camariñas e rematará aproximadamente sobre as 20:00 horas en Lingunde.

Percorrido da Cabalgata dos Reis Magos en Camariñas

MALPICA

Durante este mércores o Carteiro Real continuará visitando as parroquias do concello de Malpica, se ben as Súas Maxestades de Oriente acudirán á propia vila de Malpica e a Buño.

Para tratar de minimizar as aglomeracións estas visitas serán dinámicas e ademais queda suspendida a tradicional recepción real en Buño (Teleclub) e Malpica (Fonte de Anselmo Villar). Tamén se cancela o saúdo das súas Maxestades de Oriente dende o balcón da Casa do Pescador. Haberá dous carteiros reais, e ambos iniciarán a súa ruta ás 11:00 horas. O primeiro deles visitará Buño sobre as 11:15 horas, Leiloio ás 11:45 horas, Cambre ás 12:15 horas e, media hora máis tarde, Cerqueda. Por outra banda, o seguinte carteiro estará en Vilanova sobre as 11:15 horas, pasando por Seaia ás 11:40 horas, Barizo ás 12:10 horas e Mens sobre as 12:40 horas.

Cabalgata. Os Reis Magos partirán da Telleira para Buño ás 17:00 horas. Pasarán por Cantalarrana, Xaviña, Santa Cataliña, o Empalme e de aquí ao centro cívico. Deste local partirán para Malpica sobre as 18:45 horas, ao mesmo tempo que se iniciará un pasarrúas a cargo de Folión do Zampón e que terá lugar entre a Casa do Pescador e o Cruceiro.

Xa na vila de Malpica, as carrozas pasarán polo centro cívico, a rúa Ventorrillo, a Avenida Emilio González López, a Praza Anselmo Villar Amigo, o Pescador, o porto de Malpica, Punta do gas, O Cruceiro e a rúa Eduardo Vila Fano para rematar o acto diante da Casa do Concello.