- O visitante poderá interactuar coa paisaxe a través do seu smartphone e sen necesidade de códigos
O miradoiro de Vilela conta desde este mércores cunha mesa panorámica para que os visitantes poidan coñecer a costa carballesa en todo o seu esplendor. Este novo recurso turístico busca «facilitar o coñecemento do territorio e o aproveitamento do miradoiro», destacan desde a Concellaría de Turismo, pois as persoas poderán interpretar, utilizando un smartphone, os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona a través de textos e elementos multimedia incluíndo fotografías, audios e vídeos. Con esta pantalla complétase así a rede de miradoiros do Concello que xa conta con outros puntos de interese patrimonial e paisaxístico no Monte Neme, en Santa Mariña ou na ermida de Santa Irene, entre outros.
O acceso á información, que estará en tres idiomas-galego, castelán e inglés- realizarase a través de antenas NFC integradas na mesa que permiten obter os datos con só achegar o dispositivo móbil ao panel, sen necesidade de apps ou lectores QR.
Rede de miradoiros iViewpoint
Ademais, grazas á instalación da mesa, o miradoiro de Vilela formará parte da rede de miradoiros iViewpoint, cuxo obxectivo xeral é a creación dunha rede de miradoiros tecnolóxicos musealizados, favorecendo a súa promoción a través de Internet e das redes sociais mediante experiencias interactivas e inmersivas. O proxecto é posible grazas á Axencia de Turismo de Galicia que concedeu unha subvención de 5.950 euros sobre un custo total de 7.199 euros.