Expertos de Galicia e Portugal debaterán sobre o futuro do río Miño como destino turístico

1 minutes read

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, acollerá o vindeiro 3 de maio o seminario Turismo nas augas internacionais do río Miño: reflexións cara a unha transición sostible, enmarcado no proxecto Atlazul. Nesta xornada, expertos de Galicia e Portugal, relacionados cos ámbitos da Administración, da universidade e de diferentes asociacións e entidades vencelladas coa pesca e o turismo, debaterán sobre o futuro turístico desta zona fluvial e sobre a busca dun modelo ecolóxico e sostible que conviva coas actividades tradicionais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, será a encargada de abrir a xornada nun acto no que estará acompañada pola directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e que prevé iniciarse ás 09,30 horas. As persoas interesadas en inscribirse no seminario poden facelo a través deste enlace da web do Cetmar, onde tamén é posible consultar o programa.

O seminario, organizado pola Fundación Cetmar, pretende reflexionar sobre o tipo de turismo necesario nas augas e na contorna do río Miño, propiciando o debate sobre o papel da cooperación transfronteiriza neste ámbito, a pesca como oportunidade de desenvolvemento dun turismo responsable ou os servizos turísticos a pequena escala.

Isto tendo en conta que o río Miño é un motor da economía  na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que se afianzou nos últimos anos como un destino turístico prioritario e recoñecido tanto a nivel nacional como internacional e que dispón de variadas iniciativas turísticas cada vez máis demandadas. De aí que con esta iniciativa se busque reflexionar sobre modelos de turismo responsable que xere novas oportunidades para a poboación local.