‘Explora Muxía’, novo programa de rutas co que se buscará enxalzar e dar a coñecer o municipio

1 minutes read

Enxalzar, dar a coñecer os encantos do municipio e ofrecer á veciñanza actividades na natureza. Eses son os obxectivos que o goberno local busca alcanzar coa posta en marcha de ‘Explora Muxía’, un novo programa de rutas que arrincará o vindeiro sábado, 10 de xullo. Ese día, a iniciativa vivirá a súa xornada inaugural coa realización dun roteiro entre Cabo Touriñán e a praia de Nemiña.

A proposta incluirá, ademais, outros catro itinerarios: ruta entre Muxía e Os Muíños (17 de xullo), ruta entre a praia do Lago e San Martiño (24 de xullo), ruta pola vila de Muxía (29 de xullo) e, por último, ruta entre Caldeiras do Castro-Trasufre-Coucieiro (31 de xullo).

O departamento de Deportes do Concello impulsou este programa en colaboración co Obradoiro de emprego da especialidade en Turismo. De feito, desde o taller recompilaron información detallada de cada unha das rutas e deseñaron, así mesmo, os diferentes materiais promocionais (como trípticos, carteis e vídeos). As inscricións xa se poden formalizar a través da páxina web municipal e do teléfono 981 74 20 01.

‘Explora Muxía’ é, tan só, unha das propostas da oferta cultural, deportiva e de lecer que o Concello ofrece a través do programa ‘MuxiUp, súbeste á nosa aventura?’. A oferta estival incluirá actividades para todos os públicos que estarán adaptadas ás normativas sanitarias vixentes.