Explosión nunha planta petroquímica en Tarragona

2 minutes read

Este martes ás 18:40 horas, por motivos que se investigan, tivo lugar unha forte explosión nunha industria do polígono sur de Tarragona, no termo municipal de La Canonja, orixinou un incendio de grandes dimensións en plena zona petroquímica e obrigou a confinar miles de veciños das localidades próximas ata que se valore o alcance do accidente.

Os bombeiros lograron apagar o lume na planta petroquímica da Canonja. Afánanse agora en baleirar os restos do óxido de etileno que quedan no interior do tanque accidentado. Este mércores rescataron de entre os cascallos o corpo dun operario de 59 anos. Pouco despois se coñecía a morte dun dos 8 feridos que estaba en estado crítico. A terceira vítima vivía neste piso do barrio tarraconense de Torreforta. Unha tapa metálica do reactor voou tres quilómetros e acabou coa súa vida. O presidente da Generalitat confirmou que non hai riscos de toxicidade e anunciou a creación dunha mesa «para analizar todo o que pasou neste incidente e poder sacar conclusións de mellora do que foi ben e do que non foi tan ben»

Elévanse a tres os mortos, e oito feridos é o balance provisional da explosión na planta petroquímica.

A deflagración, perceptible en todas as poboacións próximas e que provocou mesmo tremores nas xanelas dalgúns edificios, causou un gran incendio e unha columna de fume visible desde quilómetros de distancia.

Como consecuencia do incendio, no que traballaron unha decena de dotacións dos Bombeiros da Generalitat, restrinxiuse o tráfico na estrada N-340, que atravesa o polígono sur da petroquímica de Tarragona.

Ademais, Renfe interrompeu a circulación de trens nos tramos que van de Tarragona a Reus e de Tarragona a PortAventura, o que afecta as liñas R13, R14, R15, R16 e R17, así como a RT1 e a RT2. A empresa onde ocorreu a explosión é a única industria de España que procesa óxido de etileno.