Expocoruña acolle do 3 ao 8 a ‘XXVII Feira de Mostras dos Autónomos de Galicia’


Despois da paréntese de 2.020, por razóns de todos coñecidas, volve a Feira de Autónomos, con máis de 200 casetas que darán cabida a unhas 170 Empresas, Autónomos, Entidades e Institucións, de múltiples sectores de actividade, desde a alimentación á informática, seguros, menaxe, fogar, téxtil, moda, artesanía, etc. Ocupará todo o espazo dispoñible no recinto, que este ano é menor que outras edicións, ao estar ocupada a galería exterior con motivo da vacinación contra a covid-19.

O Acto de Inauguración oficial celebrarase este venres, día 3, ás 13’30 horas, no hall de entrada e contará coa presenza do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o Concelleiro de Educación e Emprego do concello da Coruña, Jesús Javier Celemín e o Delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, entre outras Autoridades.

As feiras como a de Autónomos, son esenciais para o desenvolvemento de moitos negocios, crean emprego e riqueza en sectores como a hostalería, restauración, transporte ou comercio local e xeran valor engadido na contorna económica entre 5 e 7 veces o volume do seu custo.

Ademais, reforzan a imaxe de marca dos expositores, permiten coñecer as novidades e adquirir novos coñecementos nos sectores representados; son tamén lugares de networking con clientes xa captados, outros novos e permiten abrir novos mercados.A empresa expositora reforza a súa imaxe de marca ao expoñer na feira e tamén é a mellor maneira de que as novas empresas se déan a coñecer.

As tecnoloxías son un complemento importante para as accións de márketing das empresas, pero o contacto persoal, a negociación cara a cara, o contacto directo con colegas e competidores, segue sendo un valor insubstituíble.