Exposición fotográfica de Marcos Rodríguez no Pazo da Cultura de Carballo


Trátase de 31 estampas que se poden ver nesta mostra e que pretenden ser unha mirada a Costa de Marfil desde os ollos dos nenos; unha mirada inocente que non agocha as súas durísimas condicións de vida”. Así explicou o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez o significado de “Miradas de marfil”, a exposición que se pode visitar ata o 13 de marzo no Andar -1 do Pazo da Cultura. Nunha sala que reuniu a numeroso público, Rodríguez estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e José Manuel Pensado. “Quixen reflectir –engadiu- o que os meus ollos ven ou o que quero que vexan os vosos ollos, porque ese é o traballo do fotógrafo, e máis no caso da reportaxe gráfica”.

Entre esas 31 imaxes está a que lle valeu a Rodríguez o premio Golden Camera of the Year 2018 na categoría de reportaxe gráfico, galardón que outorga a Federación Europea de Fotógrafos Profesionais e que o carballés xa recibiu en 2017 e do que foi finalista en 2016.

Marcos Rodríguez visitou Costa de Marfil en 2017 coa ONG Égueire, fundada en Mazaricos e moi vinculada á Costa da Morte, que leva a cabo diversos proxectos de cooperación naquel país e noutros de África.

O alcalde, o concelleiro e o representante de Égueire coincidiron na beleza da exposición, cada unha ten unha vida, unha historia detrás que ás veces non é fácil de ver.