- Forman parte dunha programación enmarcada para conmemorar o Día Mundial da Muller, que se celebrou este martes 8
Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemorou este martes 8 de marzo, no instituto baiés Maximino Romero de
Lema (Zas) leváronse a cabo distintas iniciativas co obxectivo de visibilizar o papel da muller na sociedade ao longo da historia e no presente.
As actividades arrincaron este luns co II Encontro de Mulleres Deportistas no que o alumnado de 4º da ESO puido escoitar o testemuño de Aida Vizcaíno, xogadora de balonmán, e Cristina Lastra, que destaca no remo. Ambas deportistas contaron as súas experiencias e reflexionaron sobre os problemas que se atoparon nas súas carreiras destacando a pouca presenza feminina en certos deportes ou as dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. Na segunda parte do encontro, catro alumnas entrevistaron ás deportistas para, a continuación, debatir sobre se na actualidade hai igualdade de oportunidades nno ámbito do deporte.
Pola súa banda, o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Igualdade de Xénero elaborou a mostra Mulleres Galegas na Historia constituída por 22 paneis que recollen información sobre algunhas das mulleres máis significativas da historia de Galicia: María Castaña, Elisa e Marcela, María Xosé Queizán, Maruja Mallo, Asunción Antelo, Elena Piñeiro ou Concepción Arenal. A exposición quedará de xeito permanente no primeiro andar do centro. A intención é continuar con este traballo nos vindeiros cursos.
Ademais, no instituto tamén se inaugurou a mostra itinerante Sen elas non hai música galega, centrada en figuras femininas que loitaron e loitan por dar un espazo á voz das mulleres no panorama musical galego como Ana Kiro, Uxía, Mercedes Peón, Guadi Galego, Susana Seivane, Cristina Pato, Sés ou Tanxugueiras. A asociación Visibles cedeu os paneis informativos que conforman esta mostra, que poderá visitarse ata o 18 deste mes.