Extinguen un lume por unha fuga nun depósito de combustible en Carballo

Arquivo.

Os ocupantes da vivenda, que puideron abandonala, eran dúas persoas maiores e tres menores. A rápida actuación dos servizos de extinción impediu que os danos foran máis graves. Arderon un termo e algo de madeira, ademais de parte do gasóleo que se verteu. 

Un particular informaba, pasadas as 8:20 horas deste venres, dun incendio nunha casa na Ponte, en Santa María de Bértoa (Carballo). Saía lume polo tellado, e ao lado do inmoble había un depósito de combustible que aumentaba considerablemente o risco da intervención.

Os Bombeiros de Bergantiños presentáronse no punto en poucos minutos e conseguiron extinguir as lapas. O incendio orixinárase por unha fuga no depósito próximo á vivenda, que os servizos de emerxencias procederon a tapar e, finalmente, trasvasárono.

Ademais dos Bombeiros tamén se presentaron no lugar axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Carballo.