Extinguido un incendio que provocou a derruba do teito da conserveira Miramar, en Rianxo

Un incendio declarado no mediodía deste mércores afectou gravemente a unha fábrica de conservas situada na rúa Rianxiño, no municipio coruñés de Rianxo. A pesar da intensidade do lume, non se rexistraron danos persoais.

Segundo a información recibida no 112 Galicia ás 13:10 horas, varios particulares alertaron dunha gran columna de fume que saía da nave. De inmediato, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Os equipos de intervención traballaron intensamente durante aproximadamente dúas horas para extinguir as lapas, que afectaron ao redor do 70 % do teito da nave e parte da liña de produción. Ademais, cinco vehículos estacionados nas proximidades tamén resultaron danados.

Como medida de seguridade, procedeuse ao desaloxo das arredor de 100 persoas que se atopaban no interior da instalación no momento do incendio. Malia que, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

O incendio foi extinguido e está previsto que os equipos de emerxencia regresen ao lugar para realizar labores de revisión e garantir que non haxa novos riscos.

Related posts

AFAGA entrega os premios do seu XI Certame Literario de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ 2025

O envorco dun coche en Cerceda deixou unha persoa falecida | Tamén falece outra que caeu por un terraplén na Veiga

Un autobús atropelou a catro persoas cando manobraba nas proximidades dunha discoteca en Pontecesures