Os ventos tempestuosos que sopraron na tarde deste sábado en boa parte de Galicia, correspondentes á borrasca Fabien, levaron por diante ás 18:30 horas o tellado dunha vivenda no lugar de As Labradas, á altura do número 175 da rúa Berdillo en Carballo. Por sorte non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os restos caeron sobre a estrada AC-413 que comunica con Ordes, mesmo saíron despedidos cara á zona do cemiterio. Atenderon a incidencia Protección Civil, Policía Local e Bombeiros, foi necesario regular o tráfico, pero non houbo que cortar a estrada.
Colexio Fogar
No CEIP Fogar desprendéronse varias planchas da nova cuberta, provocando un importante risco. Bombeiros, Protección Civil e Policía Local estiveron traballando durante boa parte da xornada deste sábado para intentar asegurar a parte que permanece no seu sitio e evitar novos desprendementos, á espera de que os técnicos avalíen os danos e a empresa acometa as reparacións precisas. O alcalde, Evencio Ferrero púxose en contacto co xefe territorial da Consellería de Educación, promotora da obra, para comunicarlle o incidente e expresarlle a preocupación do Concello e da cidadanía.