Fabiola García anuncia un plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar

Foto.- Xoan Crespo.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou que o Consello da Xunta revisará un plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para atender nos seus domicilios a unhas 6.000 persoas máis que agora. Fíxoo nunha resposta oral no Parlamento autonómico na que destacou que o SAF chega na actualidade a 24.000 persoas, o que fai de Galicia a comunidade con maior porcentaxe de atención a través deste servizo: preto do 33% o dobre que a media nacional.

Na súa intervención, Fabiola García tamén fixo balance do Servizo de Axuda no Fogar temporal e extraordinario que a Xunta lanzou o pasado mes de abril e que remata este mes. Ao longo destes meses puxéronse a disposición de todos os concellos medio millón de horas de atención profesional a domicilio, 100% gratuítas para as 3.500 persoas que resultaron beneficiadas e cun investimento de 6 millóns de euros.

A titular de Política Social sinalou que este SAF Extraordinario naceu para prestar unha atención temporal ás persoas afectadas pola suspensión das actividades que a covid-19 motivou nos centros de día de persoas maiores e con discapacidade, nos centros de atención ao alzhéimer e nos centros ocupacionais —servizos que hoxe xa funcionan con normalidade—; e outras casuísticas de carácter urxente.