A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou este mércores que nos primeiros días do vindeiro mes de setembro se abrirá o prazo de solicitude do Bono Concilia Familia. Díxoo durante unha visita a un campamento de surf que ten lugar na praia de Nemiña, en Muxía, ao que este verán acudirán arredor de 150 nenas e nenos.
Fabiola García explicou que a Xunta destina este ano 2,6 millóns de euros a este programa de conciliación. O obxectivo é axudar ás familias nas que traballan ambos proxenitores (un no caso das monoparentais) a sufragar os custos adicionais na atención das súas fillas e fillos durante os períodos non lectivos, como as vacacións de verán.
A contía das achegas pode ser ata 500 euros para as familias que contraten un servizo de coidado a domicilio ou de ata 200 euros para aquelas que leven aos seus fillos a recursos e actividades de conciliación, como campamentos ou ludotecas, excluídos os financiados por administracións públicas.
Fabiola García destacou que o Goberno galego leva anos poñendo en marcha iniciativas que permitan ás nais e pais compaxinar a vida persoal e laboral sen complicacións. Neste sentido, sinalou que o Bono Concilia Familia é unha mostra máis do compromiso da Xunta coa conciliación e o benestar, con medidas pioneiras como a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos ou as casas niño no rural.