A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a cordialidade, o espírito de lealdade e colaboración institucional que presidiu a súa reunión co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Puxo de manifesto que hai un nivel de sintonía “moi elevado” entre ambas as dúas administracións, que se emprazaron a seguir traballando xuntas para mellorar as actuacións en materia social na capital galega.
Fabiola García relatou que un dos aspectos tratados na xuntanza foi a mellora da atención ás persoas máis vulnerables de Santiago de Compostela. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello presentouse ás liñas de axudas da Xunta para actuacións con persoas inmigrantes, xitanas e en risco de exclusión, unhas subvencións que se resolverán nas vindeiras semanas.
Así mesmo, o alcalde e a conselleira conversaron sobre a residencia pública de maiores que financiará e construirá a Fundación Amancio Ortega na capital de Galicia, e que creará 120 novas prazas públicas de atención á dependencia e 115 novos postos de traballo cun investimento de 12 millóns de euros. Neste momentos estase a traballar no proxecto básico e de execución destas obras que se iniciarán previsiblemente no primeiro semestre do ano 2020.