FAC-USO Galicia denuncia que o alcalde de Corcubión segue acosando ao ‘electricista’


A Federación de Atención á Cidadanía da UNIÓN SINDICAL OBREIRA en Galicia (FAC-USO Galicia) denuncia que continúa “a persecución e o acoso reiterado ao electricista”, por parte do Alcalde de Corcubión.
FAC-USO lembra que Juan Carlos Sambade Calo obtivo varias sentenzas firmes favorables: por despedimento nulo; por non abonarlle o “plus de produtividade”; e polo “acoso” ao que está a ser sometido, desde fai máis dunha década, así como pola exclusión dese posto da Relación de Postos de Traballo, o que fixo que presentasen denuncia en Fiscalía e en Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social (IPTSS), que “están a investigar ao Alcalde de Corcubión por acoso a Sambade”.

No Pleno de 21/11/2019, que tratou as sancións impostas pola IPTSS, por ter dous empregados sen carga de traballo, o Alcalde afirmou que ten un trato excelente cos traballadores municipais, pero co electricista “o mellor é seguilo, collelo in fraganti e volver despedilo, porque é unha secuela para o Concello de Corcubión”.

O último episodio de persecución e acoso afirman que foi este mércores, cando un familiar do Alcalde de Corcubión, apareceu na vivenda dunha amizade de Sambade, no termo municipal de Cee, atopándose este de visita, e comezou a facer fotografías ao redor da casa, fuxindo do lugar unha vez que foi descuberto.


FAC-USO conclúe censurando esta situación, que non é nova, e leva repetindo durante máis dunha década, tomando diversas represalias contra Sambade, que fomos denunciando publicamente nos últimos meses, apoiando e defendendo ao compañeiro electricista, e empregando todos os recursos que permita o ordenamento xurídico para combater “a persecución e o acoso reiterado ao electricista”, que está a levar contra a súa persoa, e tamén agora contra a súa contorna, o Alcalde de Corcubión, conclúen.