Facebook, Messenger, Instagram e WhatsApp rexistraron este mércores desde as cinco da tarde unha caída parcial do seu servizo en todo o mundo durante horas, tanto na súa versión web de escritorio como nas súas aplicacións, segundo informaron os seus usuarios desde Outage Report e Downdetector (webs que miden a actividade na internet). Así o confirmou a propia empresa de Mark Zuckerberg ao explicar desde Twitter que non se debía a un ataque: “Somos conscientes da situación”. Os problemas de conexión comezaron a advertirse pouco antes das cinco da tarde (hora peninsular española), e tiveron incidencia en gran parte de Europa, América, India, Malaisia e Filipinas. A diferenza doutras ocasións, non se trata dun bloqueo completo, senón que os usuarios afectados poden seguir accedendo ás aplicacións, pero só con contido antigo. Funcións como compartir contidos ou mandar e recibir mensaxes deixaron de dar servizo. Esta última só permanecía dispoñible en WhatsApp.