- O obxectivo desta moratoria é «achegar certezas e seguridade aos preto de 45.000 aspirantes», segundo o titular de Facenda
A Consellería de Facenda vai propoñer ás organizacións sindicais reanudar no último trimestre do ano a realización das probas selectivas das oposicións xa convocadas no eido da Administración Xeral.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento para informar das medidas adoptadas no ámbito financeiro e orzamentario ante a situación motivada polo COVID-19.
Martínez explicou que o obxectivo desta moratoria é «achegar certezas e seguridade aos preto de 45.000 aspirantes e garantir o bo desenvolvemento dos procesos selectivos, á vez que seguimos cumprindo os acordos asinados coas organizacións sindicais para favorecer a estabilidade na Función Pública autonómica». Esta proposta dá resposta ás demandas de algunhas organizacións sindicais e supón dar continuidade á moratoria de dous meses aprobada o pasado 12 de marzo.
Na súa intervención, o titular de Facenda detallou tamén todas as medidas postas en marcha polo Goberno galego para facer fronte á situación provocada pola pandemia do COVID-19.
Plan de liquidez, pago en 15 días e suspensión de impostos
A Xunta dotará de liquidez á tesourería da Comunidade Autónoma con case 1.800 millóns, para axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega e aliviar os efectos negativos derivados do coronavirus.
O Goberno galego apostou tamén por reducir de maneira inmediata o tempo medio de pago aos provedores da Administración galega ao entorno dos 15 días. Un obxectivo, que segundo explicou o conselleiro, xa se ten cumprido posto que no mes de marzo o tempo medio de pago situouse en 14,5 días.
Outra das medidas é a suspensión dos prazos para a presentación das autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD); de sucesións e doazóns (ISD) e os tributos do xogo.
Fase de reactivación
O conselleiro avanzou que a Xunta xa está a traballar na fase de reactivación económica, e lembrou medidas como a reactivación da obra pública dependente da Xunta de Galicia, a licitación de contratos do transporte público, a mobilización de préstamos entre o tecido empresarial galego ou a decisión de avalar anticipos de ata 1.500 euros aos traballadores cun ERTE autorizado e que non cobraran aínda a prestación do Goberno central.