O Concello de Vimianzo e Suelo Empresarial del Atlántico, SEA, continúan cos movementos para facilitar o asentamento de novas empresas no parque empresarial. SEA vén de aprobar no seu Consello de Administración o novo plan de comercialización, que incorpora maiores facilidades para o acceso ao solo por parte dos/as emprendedores/as.
Para favorecer a instalación de novas entidades en Vimianzo, establécense unha mellora de condicións “salientables e que se suman ás que vimos desenvolvendo”, anunciou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen quixo agradecer “a disposición e traballo de Beatriz Sestayo, xerente de SEA, tendo en conta a vontade do Concello para plantexar a optimización de condicións de cara a mellorar a situación do noso parque empresarial”, asume a rexedora.
En total, máis de 100.000 metros cadrados a disposición do empresariado que busque “unha situación estratéxica para o seu proxecto, dadas as condicións económicas e xeográficas, nun emprazamento conectado por terra, mar e aire por medio de diferentes infraestruturas como Punta Langosteira, Lavacolla, Alvedro ou as correspondentes estacións de ferrocarril a menos dunha hora”, sinala Rodríguez.
No caso de Vimianzo, o novo Plan de Comercialización supón que as parcelas que se ofertan en Dereito de Superficie, un réxime similar ao alugueiro con opción a compra, agora se poidan reservar tamén como compra directa. Deste xeito, o empresariado pode elixir incluso compartir os dous modelos de adquisición, no caso de optar por instalarse nalgunha destas parcelas.
Nun programa pioneiro lanzado en 2022 “Suelo Empresarial del Atlántico” estableceu un total de 40.000 metros cadrados en Dereito de Superficie, reservando neste réxime as parcelas de acceso ao parque e mellor situadas.
O prezo do alugueiro sitúase en pouco máis de 80 euros ao mes en gran parte das parcelas. Ademais, dende “SEA” tamén se rebaixa o prezo da parcela ao reducir o canon e igualalo ao prezo de venda. Como exemplo, unha parcela de 1.000 euros terá un custo en Dereito de Superficie de 1.022 euros o primeiro e o segundo ano, (85 euros ao mes).