«Fagamos que o Big Data se equivoque», a nova campaña da DXT para Semana Santa

2 minutes read

«Fagamos que o Big Data se equivoque» é o slogan da nova campaña de concienciación para evitar sinistros de tráfico que a Dirección Xeral de Tráfico presentou para a Semana Santa, un período no que se incrementan os movementos tanto de longo como de curto percorrido.

Despois de dous anos, no que este período vacacional estivo condicionado pola pandemia do Coronavirus, este ano as previsións apuntan a que se poden chegar a producir 14,6 millóns de desprazamentos de longo percorrido polas nosas estradas.

Para evitar sinistros de tráfico, a DXT recorreu a un dos máis importantes analistas de Big Data en España quen, con máis de 10 millóns de sinistros de tráfico e a través de algoritmos e modelos matemáticos, calculou o número de falecidos na estrada esta semana Santa.

Segundo este experto serán 36 persoas con diferentes perfís quen morrerán estas vacacións porque o Big Data, os algoritmos e as estatísticas prognostícano todo: a idade, cantos homes, mulleres ou nenos, en que lugar e a que hora, que tipo de accidentes e con que vehículo… pero se sabemos que estamos dentro do perfil das persoas que teñen máis probabilidade de falecer e somos conscientes diso, podemos evitalo e facer que o Big Data se equivoque».

Segundo Pere Navarro, director da DXT «cando che din que 36 persoas van morrer estas vacacións na estrada, nunca pensas que vaias ser ti mesmo ou alguén da túa familia, pero detrás de cada estatística hai nomes e apelidos, pais, noivos, amigas, netos… un verdadeiro drama que é difícil de superar; por tanto esta semana Santa e sempre, cumpramos as normas para facer que o Big Data se equivoque».

Para a campaña, que poderá verse ata o próximo 19 de abril realizáronse dous anuncios de 45 e 30 segundos para televisión e redes sociais. Ademais, creouse unha gráfica para prensa escrita e diferentes pezas para redes.