O programa cultural ‘A Costa da Vida’ foi todo un éxito. Multitude de persoas formaron parte do público na primeira edición deste proxecto subvencionado ao abeiro da primeira convocatoria do fondo Territorial Cultura da Xunta de Galicia e que se desenvolveu, de xaneiro a marzo, en diferentes puntos das parroquias do municipio.
Durante tres meses, o Castelo de Vimianzo, os centros sociais ou as escolas unitarias acolleron 12 espectáculos co humor, a música, o teatro e a cultura como protagonistas. Unha iniciativa que contou coa participación das asociacións culturais das parroquias, onde mostraron o talento local.
Un dos principais obxectivos de ‘A Costa da Vida’ foi promover a cohesión social entre a veciñanza. De feito, a maioría das persoas asistentes reencontráronse con xente que había tempo coa que non se relacionaba; o que amosa que o proxecto cumpriu cun dos seus grandes propósitos: unir socialmente a aldeas e vilas historicamente esquecidas da Costa da Morte ao redor de eventos culturais.
A procedencia das persoas que se achegaron ata as instalacións onde tiñan lugar as representacións tamén puxo de manifesto o interese da veciñanza de Vimianzo neste tipo de programación. Homes e mulleres que se uniron a xente de concellos da zona como Muxía, Ponteceso, Laxe ou Zas; destacando, porén, a participación de xente de lugares como A Pobra do Caramiñal, Ames, A Coruña ou Santiago de Compostela.
Ademais, o feito de que todos os eventos contaran ou, case tivesen, aforo completo, demostra a gran repercusión dos espectáculos.
Desde o Concello destacan que “os datos recompilados das enquisas son moi bos, moi satisfactorios e, sen dúbida, son unha mostra máis de que este tipo de iniciativas son necesarias e teñen unha repercusión moi positiva en ámbitos como o social e o cultural”. “Que tanta xente se desprazara ata diferentes parroquias para desfrutar de actuacións de humor, música, teatro ou poesía é un signo de que programacións como ‘A Costa da Vida’ chegaron para quedar”.