Faise pública a sentenza que avala a prórroga da concesión de Ence


O Tribunal Supremo fixo pública este mércores a sentenza que avala a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra ata 2073 outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016. O ditame favorable foi adiantado o pasado 7 de febreiro, pero agora coñécese a sentenza íntegra, de 83 páxinas, que entende que a prórroga é legal porque así o estableceu a “confusa” reforma da Lei de Costas impulsada en 2013 polo mesmo executivo de Rajoy. A sentenza tamén di que este tipo de prórrogas quedaron só condicionadas a un informe favorable en materia ambiental por parte das comunidades, que no caso de Ence foi emitido pola Xunta en 2015.

A sentenza conta co voto discrepante dunha maxistrada dos cinco que compuxeron o tribunal que di, en contra do criterio dos seus compañeiros, que por riba da lei estatal debera primar o dereito comunitario que limita este tipo de autorizacións sen licitación pública aberta a máis empresas. Precisamente por esa cuestión vén de abrir a Comisión Europea un procedemento de infracción contra España no que cita expresamente as concesións de “por exemplo, empresas papeleiras”.

A sentenza agora feita pública comeza lembrando que a Audiencia Nacional anulara en 2021 a prórroga da concesión por considerar que o Goberno de Rajoy non xustificara que ese tipo de fábrica teña que ocupar un terreo público do litoral. Tras esa decisión, o interese casacional sobre o que se tiña que pronunciar o Supremo ante os recursos presentados pola empresa era “se para o outorgamento das prórrogas das concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre era obrigado acreditar que as instalacións ou actividades obxecto da concesión, pola súa natureza, non poidan situarse noutros terreos, aínda en aquelas concesións que trouxeran causa de dereito anteriores á Lei de Costas, así como nos supostos de que o dominio público ocupado coa concesión non se atopa no seu estado natural”.

Para analizar esa cuestión o Supremo lembra que a Lei de Costas de 1988 supuxo restrinxir o uso privado do litoral, como ben público que é, “compensando” a anteriores propietarios aos que se expropiaban os seus terreos nesa zona con concesións agora temporais. E o mesmo fixo a lei de 1988 ao decidir manter as que xa eran concesións previas e non terreos privados, como era o caso da de Ence outorgada pola ditadura en 1958, pero neses casos cun menor nivel de dereito. A reforma do PP de 2013, di o Supremo, supuxo modificar “o tempo do dereito, non o dereito mesmo”, isto é, sen obrigar a adaptar a concesión ás condicións que a Lei de Costas estableceu para que no litoral só estean as instalacións imprescindibles.