Falece en Cee un ciclista de Cáceres que percorría en grupo o Camiño a Fisterra

1 minutes read
Imaxe dun helicóptero medicalizado

O fatal accidente producíase nunha pista forestal ao seu paso polo lugar de San Martiño, en Brens, Cee, a vítima caeu do seu vehículo nun treito de forte pendente.

Así o explicaron os Bombeiros de Cee, que acudiron ao lugar tras recibir o aviso do 112 Galicia pasadas as catro da tarde deste venres.

Quen deu aviso ao servizo de emerxencias urxiu a asistencia médica, xa que, asegurou, que o estado do ciclista era de extrema gravidade. Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron ao alertador en comunicación cos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co fin de recibir as instrucións pertinentes mentres agardaban a axuda.

En camiño ía unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago, que, malia o esforzo, nada puido facer para salvar a vida do ciclista.

Pola súa banda, os bombeiros do parque comarcal colaboraron co equipo médico para chegar ata a vítima, que se atopaba nunha zona de difícil acceso para calquera vehículo que non fose un todoterreno.

No operativo tamén prestaron apoio os voluntarios de Protección Civil e os axentes da Garda Civil.