Falece o condutor dunha furgoneta nun accidente en Ardaña, a dous quilómetros de Carballo

Un veciño de Coristanco de 47 anos de idade morreu como consecuencia dunha saída da vía da furgoneta da súa propiedade que conducía á altura do quilómetro dous da estrada DP-1914 (Carballo-Portomouro), ao seu paso polo lugar de Vivente, na parroquia carballesa de Ardaña.

O sinistro produciuse minutos antes das once da noite deste domingo durante unha forte treboada, cando a furgoneta, da marca Opel, circulaba dirección a Carballo e se saíu da estrada polo seu marxe esquerdo, levando por diante dous postes de teléfono e terminando empotrada contra unha vivenda. A casa en concreto xa ten o seu lateral reforzado debido a outro sinistro similar onde morreran dous mozos veciños de Rus, de 22 e 27 anos, que viaxaban nun Citroën Xsara o 24 de marzo de 2005.

Os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Carballo, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do Servizo Municipal de Protección Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo. Ademais, tamén se deu aviso ao servizo de mantemento da estrada e a empresa subministradora de telefonía responsable dos dous postes que caeron á vía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha