Un falecido e 5 feridos en senllos accidentes en Vila de Cruces e Arteixo

1 minutes read

O temporal está a dificultar a circulacion nas estradas, especialmente nas zonas do litoral e nas zonas altas. No alto do Cumeiro, en Vila de Cruces, rexistrábase a última hora deste sábado un accidente grave. Unha persoa morreu e outra quedou ferida de consideración tras a colisión de dous vehículos.

Os ocupantes quedaron atrapados e os equipos de emerxencias traballaron a reo no lugar do accidente. O ferido é un menor, de 12 anos, e o falecido é o seu pai, que conducía unha furgoneta que bateu cun todoterreo. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Deza, Urxencias Sanitarias, Protección Civil e a Garda Civil. 

Colisión frontal en Arteixo
Preto das dez da noite deste sábado, en Arteixo, tamén tiveron que actuar os bombeiros da vila para liberar a dúas persoas atrapadas en senllos turismos que colidiron de fronte na rotonda de Sabón, unha delas en estado grave.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada dun particular que pediu axuda para os ocupantes dos vehículos implicados. Así, pasouse aviso aos Bombeiros de Arteixo, axentes de Policía Local e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Dada a dimensión do sinistro, foi necesario cortar a estrada e a rotonda de sabón, desviando o tráfico para facilitar o traballo dos medios técnicos e de emerxencias desprazados ao lugar.