Unha persoa perdeu a vida na mañá deste domingo na parroquia de Raxó, no concello pontevedrés de Poio despois de recibir a picadura dunha velutina. Ao parecer, a vítima, un varón de 73 anos, era alérxica.
A muller do finado tamén sufriu as picadas dos insectos pero está fóra de perigo. Este suceso ten lugar despois de que o domingo 10 de maio outro home de 54 anos morrese en Santiago tras sufrir a picadura dunha avespa asiática na contorna da súa vivenda.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso, pasados uns minutos das 10:15 horas. Foi a esa hora, cando os profesionais sanitarios comunicaban a mobilización dunha aeronave cun equipo médico a bordo para o lugar.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia deron conta dos feitos aos membros do GES de Sanxenxo, aos axentes da Garda Civil, da Policía local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Con todo, pese aos esforzos dos efectivos sanitarios, nada puideron facer por salvarlle a vida.